OLLADAS DA TERRA

No mundo contemporáneo, a globalización provocou unha tendencia mundial á similitude e equiparación de numerosos emprazamentos, polo que algúns expertos acuñaron o termo de “non-lugar”. É por isto que, desde a Galería de Arte Contemporánea José Lorenzo, quíxose ofrecer unha exposición centrada nas particularidades que alberga a gran variedade óptica e paisaxística que é Galicia.

A través das pinceladas dos máis ilustres paisaxistas vernáculos, como Imeldo Corral, Carlos Maside, Luis Huici, Felipe Bello Piñeiro, Juan Luis ou Francisco López Carballo, Olladas da Terra supón unha perspectiva senlleira onde comprender a diversidade de configuracións naturais das que dispón este enclave único.

Así pois, a mostra pretende, non só reunir ao redor dunha temática común aos grandes artistas galegos, senón tamén expoñer, cuestionar e comparar a gran variedade de imaxes exclusivas e inimitables que compoñen o extraordinario territorio que, por fortuna, temos a sorte de habitar.

A exposición estará dispoñible para visitar desde o 23 de novembro, en horario de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 21:00, de luns a sábado.